*
Inicio Español Galego
BRAÑAS   FOLK
OBRADOIRO - ESCOLA

CONTACTO:
616 314 864


manuel@branhasfolk.com

O Obradoiro-Escola de Instrumentos Populares foi creado no ano 1982 pola Deputación Provincial de Ourense, sendo dirixido desde entón por Manuel Brañas.

O labor deste Obradoiro céntrase nun principio na construcción de instrumentos tradicionais tales como: gaitas, zanfonas, harpas, requintas, instrumentos de percusión, etc

Con posterioridade, e tendo en conta o extraordinario auxe que na nosa terra experimentaron os grupos adicados a espallar a música tradicional, créase no Obradoiro unha actividade de escola para formar futuros artesáns, co fin de atender as crecentes necesidades de instrumentos tradicionais que xorden con gran ímpeto en toda Galicia.

Máis recente foi o proxecto de reconstrucción dos instrumentos esculpidos na pedra que hai no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. Este foi un proxecto preconcebido polo Director do Obradoiro, Manuel Brañas, que baixo a tutela da Deputación, e aproveitando o emprezamento do Obradoiro nunha cidade como Ourense, que posúe unha Catedral cuio Pórtico é quizais, despois do de Santiago, o máis importante de Galicia, pensou que a reconstrucción destes instrumentos sería de gran importancia cultural e histórica xa que aportaría novos datos para o coñecemento da música medieval.

Unha tarefa difícil polas razóns que sinalaremos máis adiante, e tamén polo feito de que o Obradoiro ten como principal finalidade a construcción de instrumentos tradicionais (creado para tal fin polo Organismo Provincial), e toda actividade suplementaria sería paralela coa anterior.

Un feito que ía facilitar esta labor foi a participación do Obradoiro de Ourense na reconstrucción dos instrumentos esculpidos no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, aínda que para aquel entón o Obradoiro xa reconstruíra o Organistrum do Pórtico da Catedral de Ourense, que é quizais o instrumento máis importante e complicado dos alí esculpidos.

Depois dun traballo minucioso de investigación e de habilidade artesanal rematouse no Obradoiro a reconstrucción de tódolos instrumentos esculpidos no Pórtico do Paraíso, intentando sempre que éstes gardasen a máxima fidelidade tanto co modelo escultórico como coa súa sonoridade e sobre todo que tiveran unhas proporcións adecuadas para adaptalos ó instrumentista.


 © Brañas Folk  ACV Galaica